Histeria Teatro
Arriba o pano!
Páxinas
Onde atoparnos
Revista de prensa
Archive for Xullo 2nd, 2008
07 2nd, 2008
Hai pouco falabamos das moitas posibilidades que nos ofrece a rede de redes á hora de buscarmos texto. Agora temos unha moi boa noticia: o venres pasado presentouse o segundo libro publicado por Estaleiro Editora, unha iniciativa cultural sen ánimo de lucro, que aposta pola libre distribución dos seus produtos: trátase de Fume / Insomnio, de Rubén Ruibal e Carlos Losada.
Estaleiro Editora presenta así o seu segundo volume (o primeiro fora o poemario Plan de fuga, de Alberto Lema), e inaugura unha nova colección, coa que pretende explorar novas vías de difusión para o noso teatro, xénero "habitualmente desatendido e minorizado no sistema editorial galego". Podemos obtelo xa a través do web da editora, por medio da descarga libre e gratuíta.
Este selo aposta pola edición independente, e quere, coa apertura desta nova liña de publicación, "afondar na súa configuración como alternativa ao circuíto oficial da literatura e do pensamento subsidiados, de que tanto vén dependendo o teatro galego e ten como obxectivo a creación dun espazo de liberdade para a dinamización cultural á marxe das institucións oficiais".
Actores e fundadores da compañía Teatro Cachuzo, os autores contan cunha ampla traxectoria no sistema teatral galego. Rubén Ruibal (Ribadeo 1970) foi gañador do premio Álvaro Cunqueiro 2006 con Limpeza de sangue (o sangue fai ruído), editado por Edicións Xerais de Galicia en 2007, e Premio Nacional de Literatura Dramática. Carlos Losada (Cambados 1966) foi gañador do premio Manuel María de literatura dramática infantil (concedido polo IGAEM) pola súa obra Game Over (Xerais 2007). Parabéns aos autores e á editorial por difundiren o teatro dende a cultura libre!
chuzame - Histeria Teatro WordPress Theme by Template Monster